Xa na antigüidade este lugar debruzado espectacularmente en cantís de máis de 150 metros sobre o mar era un lugar de peregrinación. A beleza dos miradoiros mariños xunto coas praias e os xacementos arqueolóxicos seguen a ser na actualidade os atractivos deste excelente destino natural entre as rías de Vigo e de Pontevedra.
Os achados do alto do Facho de Donón puxeron demanifesto un singular santuario, un “bosque de aras” composto por case duascentas laxes consagradas ao deus Berobreo, conservadas no Museo Municipal de Vigo. No castro galaico-romano descubríronse ata o momento 60 vivendas nun amplo recinto amurallado. Ten doado acceso desde a localidade de Donón nunha ascensión de aproximadamente trinta minutos. É o punto central elevado da Costa da Vela desde o que as vistas panorámicas acadan un amplo treito das bocanas das Rías Baixas co Parque Nacional das Illas Atlánticas en primeiro termo.
No extremo sur sitúase o Cabo de Home con tres puntas e cadanseu faro. Entre elas acollen unha pequena enseada coa praia deMelide e protexen, xa no interior da ría de Vigo, a sucesión destoutros areais: Barra, Viñó e Nerga, cun sistema dunar de formas pouco comúns.
A zona de protección baixo as augas amplíase fronte a costa ata a cota dos trinta metros de profundidade.