As Danzas Ancestrais de Cangas inclúen as danzas de San Cibrán de Aldán, San Roque do Hío e a danza e contradanza de Darbo. Estas tres resultan de especial orixinalidade entre as moitas que se contan na comarca do Morrazo.
A “Danza e Contradanza de Darbo” é a terceira das danzas ancestrais que perduran no concello de Cangas. Data como mínimo do século XVI, e pode ser presenciada diante da igrexa parroquial. Son 16 os protagonistas, organizados en tres fileiras, unha de "damas" e dúas de "galáns". Cada formación conta co seu propio "contraguía", mentres que o "guía principal" se distingue de todos os demais por portar un gran penacho de cores. As mulleres visten fermosos traxes con rutilantes sombreiros cheos de flores, mentres que os homes portan estraños atavíos, como aparatosos pendentes de arcaicos deseños. Isto podería ser unha proba da extraordinaria antigüidade desta danza secular.
Destacado: As vestimentas e adornos dos bailaríns chaman a atención polo seu arcaicismo.
Fuente: turismo.gal